Este luns celebrouse a Asemblea Xeral Extraordinaria da Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE), na que se procedeu á elección da Presidencia e a nova Xunta Directiva para o período 2025-2029; o resultado foi a reelección de Alexandre Centeno Liste como presidente.
No inicio da asemblea gardouse un minuto de silencio en memoria de Andrés Ríos, socio número 3, falecido a pasada semana e que ía formar parte da nova directiva. «Antes de nada, quixese lembrar a figura de Andrés Ríos, amigo e compañeiro, que nos deixou a semana pasada e que ía acompañarnos ao equipo directivo nesta nova etapa», expresou o presidente.
A nova Xunta Directiva queda constituída da seguinte maneira:
Presidencia: Alexandre Centeno Liste
Vicepresidencia: Paula Montes Fernández
Secretaría Xeral: Cristóbal Atienza Gutiérrez
Tesourería: Miguel Álvarez López
Vogais: Miguel Pampín Coloma, José Manuel Fernández Mayo, Andrés Vieites López, Milagros Alonso Rodríguez, Carla Conde Román, Patricia Rodríguez Juste, Alberto López Rodríguez, José Garrote Tilve, Laura Rodríguez Martínez, Laureano Nieto Prieto.
Xornalista con máis de 30 anos de oficio, 25 deles en La Voz de Galicia, Alexandre Centeno é autor de «Las diez mil hijas de Irene. Cien años de fútbol femenino en Galicia» e coautor de «Fran, O Neno 10», biografía autorizada do excapitán do Deportivo. Conta con dous másteres universitarios e formación avanzada en intelixencia artificial, como a certificación Power IA. Ademais, é doutorando en Ciencias do Deporte.
Con esta renovación abandonan a directiva Rubén Ventureira, que exercía como tesoureiro, e Juan Luis Rodríguez Cudeiro, que ocupaba a secretaría.
Durante a súa intervención, Centeno realizou un balance da etapa que agora se pecha: a fundación da asociación, a posta en marcha da páxina web e dunha carteira de servizos, a creación dunha guía de linguaxe non sexista —que será entregada a todos os e as xornalistas galegos que cubran información deportiva, sexan ou non asociados—, e a recuperación do Día da Bicicleta na Coruña, «con éxito de participantes e impacto mediático».
O presidente reelixido subliñou que se abre un novo ciclo «con ilusión e con ganas, cun equipo formado por 14 persoas que nos permitirá seguir crecendo». Actualmente AGAXORDE conta con máis de 150 asociados e asociadas, pero, en palabras de Centeno, «queremos seguir crecendo e facendo moitas cousas».
Entre os proxectos de futuro, destacou a intención de que 2026 sexa o ano de inicio dunhas xornadas anuais sobre xornalismo e deporte, con Vigo como punto de partida e continuidade en diferentes localidades de Galicia. «Tamén me gustaría crear uns premios e, sobre todo, seguir traballando por dignificar o xornalismo deportivo, tan deostado en ocasións, pero que considero un exemplo para seguir, porque calquera que pasase algún tempo nunha redacción de deportes é coma se fixese un máster: afai tratar temas médicos, económicos, xurídicos, ademais dos propios de cada deporte. Pechamos páxinas contrarreloxo con partidos que terminan ás tantas da noite e ese é un plus que logo permite que moitas compañeiras e compañeiros destacasen noutras áreas tras deixar Deportes».
Finalmente, Centeno quixo agradecer expresamente «o traballo dos dous compañeiros que non seguen na directiva, Rubén Ventureira e Juan Luis Rodríguez Cudeiro, que agora ocupan postos de alta dirección, pero que foron un enorme apoio na etapa fundacional da asociación». Do mesmo xeito, concluíu recoñecendo e agradecendo «a todas as persoas que me acompañan agora nesta nova etapa, que esperamos nos sirva para asentarnos e conseguir que AGAXORDE sexa algo máis que unha asociación de xornalistas: que sexa unha marca a nivel galego».




