Unha representación da xunta directiva da Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE) mantivo unha reunión institucional co novo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García, nun encontro que serviu para analizar o traballo desenvolvido pola entidade durante o último ano e trasladar os principais proxectos de futuro.
Durante a reunión, a delegación de AGAXORDE realizou un repaso das actividades impulsadas desde a súa constitución, con especial atención ás iniciativas formativas, aos espazos de debate profesional e ás accións públicas promovidas en favor do xornalismo deportivo galego. Entre elas, destacou a realización, xunto coa Dirección Xeral de Igualdade, dunha guía de linguaxe non sexista que se repartiu entre os profesionais do sector, así como a recuperación do Día da Bicicleta na Coruña, unha iniciativa que supuxo a reactivación dunha cita histórica vinculada ao deporte e á cidade.
Precisamente, o propio Roberto García xa amosara a súa implicación con AGAXORDE con motivo desa recuperación, apoiando a iniciativa desde a súa anterior responsabilidade como delegado de Deportes na zona. Neste novo encontro, reiterou a súa sensibilidade cara á asociación e a súa disposición a manter unha relación fluída e construtiva.
O secretario xeral para o Deporte interesouse polo funcionamento interno da entidade, polo perfil dos profesionais que a integran e polos retos estratéxicos que afronta nos vindeiros anos. Así mesmo, ambas as partes emprazáronse a seguir avanzando en proxectos en beneficio do deporte galego.
A reunión, que resultou altamente produtiva, permitiu reforzar a interlocución institucional e poñer en valor a importancia dun xornalismo deportivo forte, independente e de calidade.




