Alma Marín (Segorbe, Castellón, 1981) incorpórase como directiva de AGAXORDE, en substitución de José Manuel Fernández Mayo, un dos catro fundadores da asociación que, por motivos persoais, presentou a súa renuncia a continuar nun posto de responsabilidade, que non a ser socio e seguir colaborando cando se precise da súa achega.
Afincada desde hai oito anos en Cambre, Marín é licenciada en Filoloxía Hispánica e Xornalismo pola Universitat de València; máster de Fútbol Internacional pola mesma entidade; ademais de ter cursado o Máster en Xestión de Redes do FC Barcelona Innovations Hub.
Como profesional, conta cunha sólida traxectoria no ámbito da comunicación deportiva. Ao longo da súa carreira traballou en diferentes medios de comunicación como os xornais Levante ou Mediterráneo, formou parte do departamento de prensa do Villarreal CF e foi xefa de prensa do CD Lugo, ademais de exercer como directora de comunicación da Fundación Samuel Eto’o en Barcelona durante case unha década. Na actualidade, desempeña o seu labor como asesora para a axencia inglesa de comunicación deportiva Sixpointer.
Ademais da súa experiencia laboral, Alma Marín é autora de diversas publicacións vinculadas ao fútbol, entre as que destacan La Suerte, biografía do exfutbolista Joan Capdevila, e Nosotras, biografía oficial das futbolistas españolas campioas do mundo.
Coa súa incorporación, a Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE) pretende reforzar a súa estratexia de comunicación, tanto a nivel institucional como nas redes sociais. Nesta última faceta, AGAXORDE leva unhas semanas traballando para dar unha nova imaxe e atraer a máis público, co obxectivo de conseguir que todas as actividades organizadas teñan maior alcance e dispoñer de visibilidade para posibles patrocinadores.




