A Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE) quere expresar a súa preocupación polo ocorrido onte á noite durante a comparecencia do xogador do Deportivo Ximo Navarro tras o partido fronte ao Elxe. Polo menos dous xornalistas intentaron formular preguntas relacionadas coas protestas protagonizadas por afeccionados nas bancadas de Riazor. O club impediu que o xogador respondese indicando “Esa pregunta no procede ahora”.

 

Consideramos lexítimo que os clubs establezan normas para ordenar as súas comparecencias, pero non que se impida responder a unha pregunta por considerar previamente que o seu contido non é “procedente”. As cuestións relativas ao ambiente vivido durante un partido e ás reaccións da afección forman parte da actualidade informativa e, como tales, deben poder ser expostas polos profesionais.

 

AGAXORDE non pretende entrar no fondo do conflito entre o Deportivo e determinados sectores da súa afección, senón defender unhas condicións adecuadas para o exercicio do xornalismo deportivo. O feito de que unha pregunta poida resultar incómoda para unha entidade non debería ser motivo suficiente para condicionar a súa formulación.

 

Por iso, reclamamos ao Deportivo respecto ao traballo das e dos xornalistas acreditados e que as súas comparecencias se desenvolvan con normalidade, permitindo aos profesionais formular as súas preguntas con liberdade e dentro das normas de respecto e funcionamento establecidas.

O traballo dos responsables de comunicación debe facilitar o labor dos medios, non determinar de antemán que preguntas poden ou non poden facerse.