AGAXORDE comunica con profundo pesar o falecemento do xornalista coruñés Juan Guillín Varela, acontecido o martes 17 de novembro, aos 96 anos.
Guillín foi un dos fundadores da Federación Galega de Prensa Deportiva, creada en 2004, da que foi vicepresidente na súa primeira etapa. En 2005 asumiu a presidencia, e baixo o seu mandato creáronse os Premios Galicia de Xornalismo Deportivo, que se entregaron ata 2014. Foi tamén un dos promotores da Asociación Española da Prensa Deportiva, e a súa figura transcendeu Galicia ata acadar recoñecemento nacional.
Juan Guillín participou, na medida das súas posibilidades, na creación e impulso de AGAXORDE, da que era socio número 26. O pasado ano recibiu a insignia de ouro e o carné vitalicio da Asociación Española de Prensa Deportiva. O presidente de la Asociación Galega de Xornalistas do Deporte, Alexandre Centeno, foi o encargado de facerlle entrega deste recoñecemento, en nome de la AEPD, da que é vicepresidente, pola súa extensa traxectoria vinculada ao xornalismo deportivo.
Guillín desenvolveu a súa carreira profesional en El Ideal Gallego, Marca, DxT Campeón, Radio Juventud e Radio Cadena Española. O seu compromiso cos valores do deporte quedou acreditado en 1990, cando recibiu o Premio Nacional Xogo Limpo na súa primeira edición, na categoría de medios de comunicación, polo seu labor en favor da deportividade e contra a violencia no deporte.
Uníalle unha fonda amizade con que fóra adestrador do Deportivo, Arsenio Iglesias, con quen coincidiu de mozo no servizo militar. Durante as súas sete décadas de xornalismo activo deixou unha fonda pegada entre todos so seus compañeiros. Quen tivo a sorte de compartir oficio con el sempre o considerou un mestre indiscutible.
AGAXORDE traslada o seu cariño e as súas condolencias á familia e amizades, en particular aos seus fillos, Juan Domingo, Analís e Berta, e comprométese a manter viva a lembranza da súa traxectoria e o seu legado no xornalismo deportivo galego.
Os restos de Juan Guillín serán velados no tanatorio Albia, en Agrela. Celebrarase un funeral na capela ás 20.30 horas, do mércores 18. De seguido procederase á cremación.
Pé de foto:
Arsenio Iglesias (esquerda) e Juan Guillín, no acto no que A Coruña nomeou Fillo Adoptivo ao adestrador, en marzo de 2020, unha das últimos homenaxes en vida ao técnico.



