A Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE) vén de asinar un convenio de colaboración con Sony IP&S Iberia, unha das compañías líderes a nivel mundial en tecnoloxía de imaxe e referencia no ámbito da fotografía e videografía profesional. O obxectivo deste acordo é ofrecer aos xornalistas deportivos galegos formación especializada e acceso a equipos de última xeración para potenciar a calidade do seu traballo.
Grazas a este acordo, as persoas que formen parte de AGAXORDE poderán acceder a sesións formativas especializadas sobre o uso de equipos Sony e a súa aplicación no ámbito deportivo. Ademais, organizaranse presentacións de novos produtos e encontros con profesionais do sector para afondar nas últimas tendencias en imaxe dixital.
Outro dos atractivos desta colaboración serán os eventos Touch & Try, nos que os asociados poderán probar os equipos en condicións reais de traballo, adquirindo experiencia directa co material máis avanzado do mercado. Sony tamén ofrecerá asesoramento técnico personalizado, para optimizar o uso das súas ferramentas audiovisuais.
Con esta alianza, AGAXORDE continúa fortalecendo o seu compromiso coa formación e o acceso a recursos profesionais para os xornalistas deportivos galegos.




