A Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE) continúa ampliando os beneficios para os seus asociados cun novo convenio con González Almacén, un referente con máis de 50 anos de experiencia. Esta compañía especialízase na venda de material fotográfico e audiovisual, sendo un provedor de confianza para fotógrafos profesionais, medios de comunicación e creadores de contido en toda España.
Grazas a este acordo, os membros de AGAXORDE poderán acceder ao Club Pro da súa páxina web, unha plataforma exclusiva con descontos en diferentes produtos seleccionados. Así mesmo, os asociados que empreguen o código de desconto proporcionado por AGAXORDE recibirán un 5 % adicional en artigos sen rebaixa previa na web B2B.
A formación é outro dos piares deste convenio. González Almacén organizará cursos especializados en fotografía e videografía deportiva, adaptados ás necesidades dos xornalistas deportivos, contribuíndo así á súa actualización profesional e ao perfeccionamento das súas habilidades técnicas. Ademais, os membros de AGAXORDE terán a oportunidade de probar equipos fotográficos de última xeración, sempre que haxa stock dispoñible, facilitando o acceso a ferramentas de alta calidade para o seu traballo diario.




