Este mércores celebrouse no IES Ramón Caamaño de Muxía unha xornada organizada por AGAXORDE en colaboración co Concello de Muxía, con motivo do 8M. O coloquio contou coa participación de Zeltia Regueiro, xornalista do DXTCampeón; Laura Rodríguez, xornalista deportiva da Costa da Morte; e Alexandre Centeno, presidente da asociación e xornalista na Voz de Galicia. Ademais, achegou a súa visión a deportista Patri Romaní, xogadora do Fisober e do Muxía.
O encontro desenvolveuse xunto co alumnado de 1º e 2º da ESO, nunha xornada moi participativa onde poñentes e estudantes debateron sobre a presenza das mulleres nos medios de comunicación. Falouse tanto da cobertura do deporte feminino como da realidade das mulleres xornalistas no sector. Ademais, creouse un espazo de diálogo no que as propias alumnas compartiron as súas experiencias e reflexións sobre os cambios que lles gustaría ver nos medios.
O tema central do coloquio foi o xornalismo e a linguaxe non sexista. O estudantado foi posto a proba con exemplos prácticos para identificar boas e malas prácticas no uso da linguaxe, como evitar expresións estereotipadas como “as chicas de…” ou “a muller árbitro” e fomentar o uso de termos neutros e inclusivos cando se fala de ambos xéneros.
A xornada serviu para fomentar a reflexión e promover un xornalismo máis igualitario.




