Juan Guillín, xornalista coruñés de 94 anos, recibiu a insignia de ouro e o carné vitalicio da Asociación Española de Prensa Deportiva. O presidente de AGAXORDE, Alexandre Centeno, foi o encargado de facerlle entrega deste recoñecemento, en nome da AEDP da que é directivo, pola súa extensa traxectoria vinculada ao xornalismo deportivo.
Guillín iniciou a súa carreira na radio en 1952, en emisoras como Radio Juventud de Galicia ou La Voz de La Coruña de Radio Cadena Española. Fixo centos de retransmisións deportivas, especialmente de fútbol e hóckey sobre patíns. Traballou máis de vinte anos en El Ideal Gallego e foi correspondente de Marca e do programa radiofónico Domingo Deportivo Español.
Tras a súa retirada, seguiu no oficio como colaborador de DXT Campeón e outras publicacións. Ademais, foi o primeiro presidente da Federación Galega de Prensa Deportiva e participou na organización de eventos como o Mundial da Emigración (1982) ou o trofeo de traiñas Conde de Fenosa.
Ao longo da súa carreira, recibiu múltiples distincións, entre elas premios nacionais das federacións de atletismo, remo, baloncesto e halterofilia, así como recoñecementos pola súa defensa dos valores do deporte e a boa práctica xornalística.




