A nova xunta directiva da Asociación Española da Prensa Deportiva celebrou este martes a súa primeira reunión tras a recente renovación dos seus cargos. Neste encontro Galicia estivo representada por Alexandre Centeno, directivo da entidade nacional e presidente da Asociación Galega de Xornalistas Deportivos (AGAXORDE).
Durante a xuntanza, o presidente da AEPD, Jesús Álvarez, expuxo os principais proxectos de futuro. Abordouse tamén a posible incorporación de novos patrocinadores e aprobouse o peche de contas do último congreso celebrado en Valladolid.
Un dos temas centrais foi a definición de liñas de colaboración entre as diferentes asociacións territoriais e a nacional, co obxectivo de avanzar de forma coordinada cara a un crecemento necesario.
Tamén se abordaron cuestións relativas á organización de galas e congresos dos próximos anos. Neste sentido, Galicia aspira a poder ser sede do congreso do ano 2027, coincidindo co Ano Xacobeo.





