José Mañana, figura chave na historia do fútbol feminino galego, faleceu este xoves aos setenta e catro anos tras unha longa enfermidade. O técnico coruñés foi o impulsor do Karbo, equipo que situou a cidade da Coruña no mapa estatal do fútbol feminino durante as décadas dos setenta e oitenta.
Vinculado desde sempre ao colexio Karbo, Mañana foi primeiro alumno, despois profesor e, finalmente, fundador do equipo que deu orixe a un proxecto pioneiro no barrio dos Mallos.
Baixo a súa dirección, o Karbo converteuse nun referente en Galicia e a nivel estatal, acadando o primeiro título da Copa da Raíña, celebrado en xuño de 1983. Con poucos recursos, Mañana soubo consolidar un equipo competitivo nun contexto de escasa visibilidade para o deporte feminino.
O seu labor foi fundamental para o deporte galego e para abrir camiño ás xeracións de futbolistas que chegarían despois.




