A Asociación Galega de Xornalistas para o Deporte (AGAXORDE) inaugurou este luns no Parrote a exposición ‘Historia do ciclismo na Coruña. 1889–2025’, un percorrido visual e documental pola memoria ciclista da cidade, aberta ao público ata o vindeiro 29 de xuño. A mostra forma parte da programación cultural e deportiva promovida por AGAXORDE co apoio institucional do Concello da Coruña con motivo do Día da Bicicleta, que se celebrará o domingo 22 de xuño.
O acto contou coa presenza do presidente de AGAXORDE, Alexandre Centeno, así como dos concelleiros Gonzalo Castro (Cultura e Turismo), Noemí Díaz (Infraestruturas e Mobilidade) e Manuel Vázquez (Deportes). Participaron tamén o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Roberto García, e o responsable de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, que quixeron apoiar conxuntamente esta proposta pola súa vertente social, cultural e de promoción da vida activa.
A exposición, comisariada polo xornalista Lois Novo, recolle documentos, fotografías e relatos que permiten reconstruír a historia da bicicleta na Coruña desde a primeira carreira documentada en 1889 no Paseo de Méndez Núñez ata a actualidade. Unha historia con espazos emblemáticos como o Parque de Riazor, o Corralón da Gaiteira ou a praza de touros, onde tiveron lugar probas e espectáculos ciclistas.
Tamén repasa os grandes corredores que tivo a sección, primeiro da Sala Calvet e, posteriormente do seu herdeiro, o Real Club Deportivo. Entre eles Juan Long, o primeiro campión co que contou a cidade, ou Delio Rodríguez e os seus irmáns, que aínda que nacidos en Ponteareas, defenderon o escudo desta entidade e dous deles chegaron a ser campións de España. Fútbol e ciclismo, que durante anos estiveron moi unidos nunha cidade en cuxo estadio municipal de Riazor chegaron a coincidir en 1959 os gañadores de Tour, Xiro e Volta. Porque A Coruña, que viviu grandes xornadas, con dúas saídas da Volta a España incluídas, tamén sufriu traxedias, que, como non podía ser doutra maneira recolle esta exposición.
A cidade prepárase para o Día da Bicicleta
O vindeiro domingo 22 de xuño, A Coruña celebrará unha nova edición do Día da Bicicleta, unha cita festiva, deportiva e familiar que promove o uso da bicicleta como medio de transporte saudable e sostible.
A actividade, con saída e chegada no Paseo do Parrote, ofrece un percorrido de 12 km polo paseo marítimo.
Xa se superou o milleiro de persoas inscritas, procedentes de todas as provincias galegas, así como doutras comunidades e países como León, Asturias, Andalucía, País Vasco, Rumanía, Suíza, Reino Unido e Ucraína. O evento será tamén un escaparate turístico da cidade e do seu compromiso coa mobilidade sostible.
A participación é gratuíta, pero require inscrición previa, que pode realizarse ata o venres 20 de xuño na web de AGAXORDE. Podes incribirte aquí.




