A Xunta de Galicia apoiou a edición en galego da biografía autorizada de Bebeto (Bebeto, o home que abanou o gol) despois do extraordinario éxito acadado na primeira, publicada en castelán, escrita polo xornalista Alexandre Centeno e editada por AGAXORDE (Asociación Galega de Xornalistas do Deporte).
A obra, convertida nun dos grandes fenómenos editoriais deportivos do ano en Galicia, está a piques de esgotar a súa primeira edición, con máis de 2.900 exemplares adquiridos e presenza destacada, ocupando o número un en vendas en numerosas librarías galegas. Ademais, tras esta segunda edición, en galego, a terceira verá a luz proximamente e xa conta cunha prevenda superior aos 1.100 exemplares, confirmando o enorme interese social e emocional que continúa espertando a figura do mítico futbolista brasileiro.
Coincidindo con este éxito, a Xunta de Galicia impulsou a edición íntegra da obra en galego, nunha iniciativa que busca fomentar a lectura na lingua propia a través dun libro de enorme impacto popular e transversal.
O simbolismo que representa Bebeto para varias xeracións de galegos, especialmente para o deportivismo, foi determinante para que o Goberno galego que preside Alfonso Rueda apostase por esta acción cultural. Máis alá dos seus éxitos deportivos, Bebeto deixou unha pegada imborrable en Galicia pola súa humildade, proximidade, carisma e por unha integración emocional e social que o converteu nun referente profundamente querido na Coruña e en toda a comunidade.
A iniciativa posúe ademais un importante compoñente simbólico vinculado á lusofonía e aos históricos lazos culturais e lingüísticos entre Galicia e Brasil. A tradución ao galego da historia dun dos maiores iconos do fútbol brasileiro representa tamén unha ponte natural entre dúas linguas irmás e dous pobos unidos por profundas raíces atlánticas.
Alexandre Centeno, autor da obra e presidente de AGAXORDE, entende que a publicación en galego «permite conectar dun xeito moi especial a identidade galega coa cultura brasileira, reforzando ademais o valor internacional do galego dentro do espazo lusófono». A proximidade lingüística entre o galego e o portugués converte esta edición nun símbolo de unión cultural entre Galicia e Brasil a través do deporte, da memoria e da literatura.
A chegada de Bebeto ao Deportivo supuxo un dos momentos fundacionais do denominado Superdépor, o equipo que cambiou para sempre a historia do fútbol galego e colocou Galicia no mapa futbolístico internacional. A conexión do futbolista brasileiro coa afección transcendeu o terreo de xogo e acabou formando parte da memoria colectiva de todo un pobo.
A biografía autorizada reconstrúe con rigor documental e un profundo traballo de investigación a vida persoal e profesional do campión do mundo brasileiro, incluíndo testemuños inéditos, episodios descoñecidos e o relato íntimo da súa relación coa Coruña, co Deportivo e con Galicia.
Así, Centeno destaca que esta tradución «supón un paso moi importante para achegar a lectura en galego a milleiros de afeccionados ao fútbol e lectores que conectaron emocionalmente coa historia de Bebeto». Considera ademais que o éxito do libro demostra «que existe un enorme interese por obras que mesturan memoria colectiva, deporte, identidade e xornalismo de calidade».
A edición en galego permitirá ampliar aínda máis o alcance educativo, cultural e social dunha publicación que xa transcendeu o ámbito estritamente deportivo para converterse nun fenómeno popular en Galicia.
O libro recibiu unha extraordinaria acollida tanto entre lectores deportivistas como entre afeccionados ao fútbol en xeral, xornalistas, historiadores deportivos e seguidores brasileiros que valoraron especialmente a sensibilidade narrativa da obra e a dimensión humana coa que se retrata un dos futbolistas máis importantes da historia recente do Deportivo e do fútbol mundial.




