A Asociación Galega de Xornalistas do Deporte, AGAXORDE, adhírese á campaña “En San Xoán limpar as praias é ser de Primeira”, impulsada polo Concello da Coruña co obxectivo de promover unha celebración máis responsable, limpa e segura dunha das noites máis emblemáticas da cidade.

A iniciativa, presentada este xoves no Palacio de María Pita pola alcaldesa, Inés Rey, conta co apoio municipal e coa colaboración de entidades do ámbito da noite, o tecido veciñal e outros axentes sociais, e busca implicar á cidadanía na redución de residuos, no coidado do entorno e no respecto ao descanso veciñal.

A asociación quere sumarse a esta chamada ao civismo e á responsabilidade colectiva nun contexto no que a celebración de San Xoán concentra unha elevada afluencia de persoas nos areais de Riazor e Orzán e nas zonas de lecer da cidade.

A campaña desenvolverá accións de mediación e sensibilización nos días previos á festa, con equipos de voluntariado coordinados, material divulgativo e mensaxes centradas no coidado das praias, o consumo moderado de alcohol, a seguridade viaria, a loita contra a violencia sexual e a protección do entorno.

San Xoán é unha celebración profundamente vinculada á identidade da Coruña, mais tamén unha xornada na que se xera unha grande cantidade de residuos”, sinalou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey. durante a presentación, subliñando a necesidade de implicación colectiva para tender a unha festa exemplar.

A rexedora defendeu a colaboración entre administracións, sector hostaleiro e tecido social para facer posible un modelo de convivencia baseado no diálogo, no entendemento e no compromiso coa cidade.

Con esta adhesión, AGAXORDE reforza o seu compromiso coa difusión de mensaxes de responsabilidade social e co apoio a iniciativas que contribúan a preservar o espazo público, a convivencia e a sustentabilidade ambiental.

A campaña municipal “En San Xoán limpar as praias é ser de Primeira” enmárcase na programación vinculada á Capitalidade da Vida Nocturna que ostenta A Coruña este ano, e inclúe tamén outras medidas para un San Xoán máis limpo e seguro, como a colocación de contedores adicionais, accións específicas para reducir a presenza de vidro nos areais e un sistema piloto de reserva de espazos en Riazor condicionado á recollida de residuos.

O Concello anunciou ademais que repartirá pulseiras nos Puntos Violeta para detectar substancias ilegais, co obxectivo de previr posibles casos de submisión química durante a noite de San Xoán.

A Asociación Galega de Xornalistas do Deporte agrupa profesionais da información deportiva en Galicia e que promove o valor social do deporte, a comunicación rigorosa e o compromiso coa sociedade.