A Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE) celebrou o pasado sábado 13 de xuño, de forma telemática, a súa Asemblea Xeral Ordinaria e a súa Asemblea Xeral Extraordinaria, nunha sesión na que todos os puntos sometidos a votación obtiveron o respaldo unánime das socias e os socios participantes.
Na Asemblea Ordinaria deuse conta do informe da Xunta Directiva e aprobáronse as contas do exercicio anterior, as cotas anuais de 2027, o Plan de actividades 2026, e o orzamento para o exercicio. A sesión completouse co apartado de asuntos varios e rogos e preguntas.
AGAXORDE pechou 2025 cunha situación económica moi positiva, tras consolidar a súa actividade e diversificar os seus ingresos a través de patrocinios, prestación de servizos, venda de publicacións e cotas das persoas asociadas.
Para 2026, a asemblea aprobou un orzamento equilibrado de 53.000 euros en ingresos e gastos, sustentado principalmente en patrocinios e colaboracións, subvencións, cotas e servizos, alén de partidas destinadas a actividades, asesoramento, seguros, publicidade e compensación de colaboracións. A previsión financeira reforza, segundo a documentación presentada, a vontade da asociación de manter o seu crecemento e a súa programación de actividades cunha base económica estable.
Posteriormente, a Asemblea Extraordinaria abordou a modificación de estatutos, que tamén foi aprobada por unanimidade. Modifícase o domicilio social e as categorías de persoas asociadas.
Desde a entidade valórase o desenvolvemento de ambas as sesións, que confirman o apoio da asemblea á xestión da xunta directiva e ás liñas de traballo previstas para os próximos meses.





