Hai voces que acaban formando parte da vida dunha cidade. A de Antonio Estévez Rodríguez leva case medio século acompañando aos galegos nas alegrías e nos desgustos do Celta. Agora, AGAXORDE anuncia a súa incorporación á xunta directiva como vicepresidente segundo e responsable das relacións institucionais, a expensas de que a próxima Asemblea ratifique a decisión.
Nado en Vigo en 1958 e criado xogando á pelota nas rúas do barrio de Casablanca, Estévez quería ser químico, pero acabou facendo outra cousa cos elementos: mesturar fútbol e xornalismo. Comezou en Radio Popular en 1976 como colaborador e entrou en plantilla en 1984. Escolleu a sección de deportes por inconformismo, nunha época na que os xornalistas deportivos eran mirados con desdén. Quixo contribuír a dignificalos. Abofé que ao longo da súa carreira conseguiuno.
Antonio é un xornalista esixente. Foino cos dirixentes, cos que tivo sonadas discusións, e foino sen deixar nunca de ser respectuoso coa afección rival. Quen o coñece sabe que se pode discrepar con firmeza e seguir saudándose despois. Esa é, quizais, a súa mellor lección de mestre, porque Estévez milita no bando dos que entendemos o xornalismo como un oficio alén dunha profesión.
En 2021 o Concello de Vigo nomeouno Vigués Distinguido, un recoñecemento que chegou tras a loita máis dura da súa vida. A súa recuperación e o agarimo que espertou entre compañeiros e oíntes din moito da persoa que hai detrás do micrófono. Hoxe, coa serenidade de quen sabe o que importa, di que quere desfrutar da vida ao máximo cada día, e esa é a mirada que traerá á xunta de AGAXORDE.
Hai pouco máis dun mes, no marco das I Jornadas Nacionales de Periodismo y Deporte – Vigo 2026, Antonio Estévez foi galardoado co I Premio de Periodismo Deportivo “Wenceslao Fernández Flórez”.
Coa súa incorporación, AGAXORDE gaña experiencia, memoria e bo carácter.



