A Asociación Española da Prensa Deportiva (AEPD), a que está vinculada AGAXORDE, lamenta o peche do xornal deportivo dixital Relevo, propiedade do grupo Vocento, e expresa a súa profunda preocupación pola desaparición dun medio que contribuíu dende a súa creación en outubro de 2022 a enriquecer o panorama informativo deportivo en España.
A desaparición dun medio de comunicación sempre é unha pésima noticia. Este peche non só supón un duro golpe para os profesionais que forman parte da redacción de Relevo, senón tamén representa unha perda significativa para a pluralidade informativa no ámbito do xornalismo deportivo español. A existencia de medios diversos e especializados é fundamental para garantizar unha cobertura ampla, rigurosa e independente do deporte no noso país.
Dende a AEPD e AGAXORDE, solidarizámosnos con todo o persoal afectado e poñémosnos a súa disposición para ofrecer apoio e colaboración nesta difícil situación.
Así mesmo, instamos as institucións e empresas do sector a reflexionar sobre as condicións do xornalismo deportivo en España e a necesidade de perservar a súa estabilidade e calidade.
O peche de Relevo é unha chamada de atención sobre os desafíos que afronta a prensa deportiva e sobre a importancia de protexer a existencia dun xornalismo libre, plural e comprometido coa información veraz e de calidade.




