O secretario xeral da Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE), Cristóbal Atienza, recibiu o Premio Andrés Ríos (directivo de AGAXORDE falecido o pasado setembro) en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional, no marco dos Premios Talento DXT Campeón, que este ano celebraron tamén o trinta aniversario do único diario deportivo de Galicia.
Licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, Atienza desenvolveu a maior parte da súa carreira en El Ideal Gallego, onde chegou a exercer como xefe da sección de Deportes, consolidándose como unha das voces de referencia do xornalismo deportivo en Galicia.
A súa experiencia profesional ampliouse posteriormente ao ámbito institucional, desempeñando funcións no Gabinete da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e como xefe de prensa na Deputación da Coruña. Na actualidade, colabora co Real Club Náutico de La Coruña en labores de difusión e comunicación da institución.
En 1990 puxo en marcha La Coruña Gaceta Local, un semanario gratuíto que acadou unha tirada de 150.000 exemplares por número, unha cifra excepcional na súa época. Ademais, traballou no ámbito do asesoramento a empresas, achegando o seu coñecemento estratéxico en comunicación e relacións institucionais.
Cristóbal Atienza é, así mesmo, cabaleiro da Serenísima Orden de la Alquitara, distinción que subliña a súa vinculación co tecido social e cultural galego.
O premio foi entregado por Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, e por Begoña Chas Barreiro, única traballadora que permanece no diario DXT Campeón desde a súa fundación en 1996 e cuxo aniversario (30 anos) se celebrou tamén con este acto.
Na súa intervención, Atienza puxo en valor o papel do xornalismo deportivo como ferramenta de cohesión social e de construción de relato colectivo arredor do deporte galego, e tivo palabras de recoñecemento e compromiso cara á Asociación Galega de Xornalistas do Deporte, da que é directivo, unha entidade que supera xa os 150 asociados e que continúa medrando como espazo profesional de referencia en Galicia.




