A Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE) lamenta fondamente o pasamento de Andrés Ríos Mejuto (A Coruña, 26 de agosto de 1958 – 66 anos), socio número 3 da nosa entidade, cuxa vida e traxectoria deixan unha pegada imborrable no xornalismo deportivo galego.
Con máis de corenta anos de dedicación profesional, Andrés foi un referente indiscutible da prensa galega. Comezou a súa carreira en Radio Cadena Española, pasou por Radio 80 e pola Televisión de Galicia, e en 1984 incorporouse á redacción de El Ideal Gallego, onde traballou en diferentes seccións. No ano 2000 incorporouse a dxt campeón como redactor xefe, asumindo en 2009 a dirección do xornal deportivo. Posteriormente foi nomeado director de El Ideal Gallego e coordinador editorial do Grupo La Capital, ata ocupar en 2024 a Dirección de Relacións Institucionais do mesmo grupo, etapa coa que culminou a súa brillante traxectoria profesional antes da súa recente xubilación.
Comprometido coa profesión e cos seus compañeiros, foi tamén presidente da Asociación Provincial Coruñesa da Prensa Deportiva. Ademais, a súa traxectoria valeulle formar parte da Real Orde de Cabaleiros de María Pita.
Máis alá do ámbito profesional, Andrés Ríos destacou polo seu compromiso social. Como voluntario da Cruz Vermella da Coruña, recibiu en 2022 a Orde do Mérito da Protección Civil na categoría de bronce con distintivo azul, tras salvar a vida dunha muller na praia do Orzán en xaneiro de 2021.
Desde AGAXORDE queremos transmitir o noso máis sentido pésame á súa familia, amizades e compañeiros de profesión. A súa memoria permanecerá sempre ligada ao xornalismo deportivo galego e a esta asociación, que tivo a honra de contar con el como socio fundador.
Descanse en paz.




