O socio de AGAXORDE, Gabriel Barrós Blanco (A Coruña, 1981), foi nomeado pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) xefe de produción de informativos do ente público de comunicación autonómica.
Licenciado en Xornalismo pola USC e posgraduado en protocolo, comunicación corporativa e eventos pola UDC, a traxectoria de Gabi Barrós estivo sempre estreitamente vinculada á comunicación deportiva.
A primeira década da súa carreira desenvolveuna na redacción de deportes de RadioVoz na Coruña como produtor, redactor e locutor ata se converter en editor e presentador dos programas deportivos locais e rexionais da emisora do Grupo Voz: Forza Dépor, 90 minutos, Zona Mixta ou La Voz del Deporte, ademais das retransmisións das competicións dos equipos herculinos ou eventos en cadea como a cobertura da Vuelta Ciclista a España.
Tras dous anos como asesor de comunicación e organizador de eventos para entidades deportivas públicas e privadas do mundo do deporte, incorporouse ao RC Deportivo no posto de director de comunicación e marca, formando parte da directiva profesional que xestionou a entidade coa chegada de Tino Fernández á presidencia. A recuperación da memoria histórica do club, a actualización de todas as súas marcas e canles, e o reforzo da unión do deportivismo a través da comunicación nalgúns dos anos máis complicados da historia moderna do Deportivo foron os eixes do traballo do equipo capitaneado por Barrós durante case unha década.
Nos tres últimos anos, Gabi Barrós desvinculouse temporalmente da comunicación deportiva ao pasar a dirixir o Club de Empresarios e Executivos de Galicia–Nordés Club Empresarial e, durante os últimos meses, as relacións institucionais do Grupo Editorial El Ideal Gallego, entre cuxas cabeceiras se atopa o primeiro diario deportivo de Galicia, Dxt Campeón.
Agora, na CSAG, desde a posición de xefe de produción de informativos tamén continuará mantendo o vínculo co mundo da información deportiva, xa que a cobertura dos deportes en todos os soportes da Galega está adscrita aos servizos informativos da institución.




