O capitán do Celta de Vigo, Iago Aspas, e o adestrador, Claudio Giráldez, foron os grandes protagonistas da tarde de clausura das Xornadas Nacionais de Xornalismo e Deporte – Vigo 2026, que durante dous días converteron á capital olívica no epicentro da comunicación e o deporte. Organizadas pola Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE), en colaboración co Concello, o Celta, LaLiga e Desarrolla, reuniron durante dous días a personaxes tan heteroxéneos como Javier Tebas, o alcalde, Abel Caballero, as xornalistas Ana Guantes e Mila Alonso, alén de preto de trinta deportistas olímpicos nados ou estreitamente vinculados a Vigo, entre outros.
O alcalde Vigo, Abel Caballero, clausurou as xornadas antes de deixar o escenario e o protagonismo ao Celta, aos xogadores e aos técnicos. Caballero aproveitou a súa intervención para felicitar e agradecer aos organizadores. “O deporte vertebra cidades. Ata hoxe non tivera ocasión de falar con Claudio Giráldez, pero nuns minutos aprendín moito”, sinalou, antes de anunciar a continuidade das Xornadas para o ano que vén. “Viva o Celta e viva Vigo!”, proclamou.
Da man do xornalista da TVG Víctor López, Iago Aspas admitiu que o club vive “un dos seus mellores momentos”, mentres que para o técnico do primeiro persoal o momento é “precioso”, Na mesa tamén estaban o adestrador do Fortuna, Fredi Álvarez, e o seu capitán, Pablo Meixús, que detecta que o club experimentou unha clara evolución nos últimos anos. Álvarez indicou que a canteira “xa funcionaba ben, pero que a chegada de Giráldez deulle un novo impulso”.
“O de Lamine Yamal non é normal” –indicou Giraldez- ao referirse que o actual momento de froitos pero de especial coidado ás novas promesas celestes. “Compararse con Iago Aspas é perder. Os valores emerxentes teñen que ir con calma”.
Iago Aspas asegura que lle dá “total normalidade” á situación ante a súa hipotética despedida. “Non mo tomo como unha conta atrás. Quero desfrutar de cada momento e cando deixe de desfrutar buscarei o meu sitio. Seguirei por aquí, pero non me expuxen como”. Admitiu que desde a súa última lesión o seu obxectivo é “estar listo para xogar ante a Juve”. Giráldez, pola súa banda, lembrou que “antes está o Elxe”. O capitán celeste admite que xa se vai “despedindo de todos os estadios”, pero que Santo Mamés é un campo do que lle gustaría levarse o mellor recordo. A organización tíñalle reservada unha sorpresa a Aspas, unha complicada conexión en directo desde Rusia co seu ídolo, Alexander Mostovoi.
Para o galego “tal e como está exposto o fútbol de hoxe sería moi complicado ter a un novo Mostovoi” nun club como o Celta, en referencia ás palabras de onte de Javier Tebas neste mesmo foro. Xa na quenda de preguntas, Aspas admitiu que lle gustaría que fose “un canteirán” quen herde o seu dorsal cando el abandone a práctica profesional.
Turismo, deportistas e xornalistas
A segunda e última xornada arrincou cunha mesa sobre turismo deportivo na que tomaron parte Manel Fernández, concelleiro de Deportes de Vigo; Carlos Cao, director de Infraestruturas e relacións Institucionais do Celta; e David Suárez Martínez, CEO de Diesemenn, moderada polo xornalista da TVG Terio Carrera. Durante a mesa abordáronse temas como os datos de clubs e eventos que se celebraron en Vigo, máis de 250 no último ano, o Proxecto 360, ou a posibilidade de organizar unha maratón comparable a outras como a de Valencia.
A continuación celebrouse a mesa a mesa “Relación entre os medios de comunicación e o deporte profesional”, moderada por Armando Álvarez, redactor de Deportes de Faro de Vigo, con Luis García (xornalista e escritor), Miguel Méndez (seleccionador español feminino de baloncesto), José C. Bastos (director de Comunicación do Celta) e Richard Barral (presidente de UDDEA). A non sempre sinxela relación entre o deportista e o xornalista desembocou nun apaixonante intercambio de ideas cuxa conclusión é que os uns sen os outros non ten sentido. Bastos deixou unha idea no aire: “As e os xornalistas de Vigo son dos mellores de España”. A irrupción das redes sociais alimentou boa parte do debate.
Antes do momento máis esperado, Beatriz Gelpi Ferreira rompeu a dinámica do formato mesa redonda para abordar de xeito moi didáctico e con ferramentas funcionais para a prevención da violencia no deporte base.



