O xornalismo e o deporte galegos están de loito polo pasamento de Emilio Navaza González, falecido en Santiago aos 77 anos.
Nado en Pontevedra en 1948, destacou como atleta na súa mocidade e exerceu brevemente como mestre antes de iniciar unha longa e fructífera traxectoria profesional como xornalista. Foi durante case tres décadas xefe da sección de Deportes de El Correo Gallego e continuou a súa andaina en Radio Obradoiro ata que se xubilou no ano 2011.
Emilio foi o grande impulsor da Carreira Pedestre Popular de Santiago, unha das máis antigas de Galicia con 46 edicións disputadas. A súa paixón polo atletismo e polo olimpismo marcou tanto a súa traxectoria xornalística como unha produción bibliográfica que destaca por un rigoroso labor de documentación. Entre os títulos que escribiu atópanse Gallegos en la gloria olímpica (1992), Voluntad de hierro. Los Gallegos de Barcelona 92, año olímpico (1996), Historias Atlética de Galicia (2022) e Vigo, capital atlética (2025).
En recoñecemento á súa traxectoria, a Federación galega de Atletismo concedeulle a Insignia de Ouro no ano 2002. Así mesmo, a Academia Olímpica Española outorgoulle en 2015 a Medalla Pierre de Coubertain no marco do primeiro Día do Olimpismo Galego, celebrado en Pontevedra, e a Federación Galega da Prensa Deportiva galardoouno co Premio Galicia de Xornalismo Deportivo, na modalidade de radio, por unha serie de entrevistas con olímpicos galegos.
Co seu falecemento, Galicia perde un dos seus mellores cronistas deportivos, unha figura clave na defensa e aplicación dos valores olímpicos na nosa profesión e un defensor incansable do atletismo. “Non esquezas que é o deporte rei”, repetía. Vida Atlética de Galicia, a web que alimentou durante máis de dez anos trala súa xubilación, é sen dúbida a gran enciclopedia do atletismo galego.
Foto: cedida por Alvarellos Editora




