
Desde o pasado mes de maio, o noso socio Miguel Pampín fíxose cargo da Secretaría Xeral de AGAXORDE, á que se incorporara o pasado ano como suplente de Cristóbal Atienza. Este cambio vén dado pola renuncia, por motivos persoais, de Atienza, quen, en calquera caso, segue vinculado á asociación e integrado na Xunta Directiva
Miguel Pampín Coloma (A Coruña, 1968) atesoura máis de 35 anos de carreira. A maior parte da súa traxectoria está vinculada a “El Ideal Gallego”, medio para o que cubriu dúas voltas ciclistas a España, varias tempadas de seguimento do RC Deportivo e acontecementos deportivos de ámbito nacional e internacional. Formou parte, igualmente, da Redacción de deportes da cadea COPE, o diario “Que!” e foi director do “Diario de Ferrol”. Ten, igualmente, ampla experiencia en comunicación institucional.
O presidente de AGAXORDE, Alexandre Centeno, destacou a disposición do novo Secretario Xeral e expresou publicamente o seu agradecemento a Cristóbal Atienza, a quen pediu expresamente que permaneza na Xunta Directiva. “Cristóbal foi e segue sendo unha peza fundamental no nacemento e primeiros pasos de AGAXORDE e espero seguir contando co seu apoio por moitos anos”, sinalou.




