O cambio xeracional nas xornalistas deportivas será o tema da xornada que con motivo do 8M organizará o Concello da Coruña, a través da concellería de Benestar Social, Participación e Igualdade que dirixe Nereida Canosa, coa colaboración da Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE). A charla terá lugar o próximo día 21 de marzo, ás sete da tarde, na sala Leonardo da Vinci da Domus, na cidade da Coruña. A entrada é de balde, aínda que é preciso inscribirse para evitar problemas de aforo.
Deste xeito, o primeiro gran evento no que participa AGAXORDE, fundada o pasado ano, terá como protagonistas a mulleres que na súa traxectoria profesional se dedicaron ou se dedican ao xornalismo deportivo. Así, busca ser un espazo interxeracional no que se compartan diferentes perspectivas e experiencias que enriquezan o ámbito desta área xornalística. Para esta reunión, contarase con diversos perfís profesionais e xeracionais, desde novas voces emerxentes no mundo dixital ata referentes históricos cunha ampla traxectoria.
A través das intervencións de Mónica Marchante, Leticia Chas, Lis Franco e Lucía Dávila exploraranse os retos do xornalismo actual. Analizaranse os cambios sociais e culturais que inflúen na forma de informar e conectar coas audiencias e, ao mesmo tempo, poñerase en valor o papel das mulleres dentro da comunicación deportiva nas últimas décadas.
As protagonistas
Mónica Marchante é unha xornalista madrileña de recoñecida traxectoria nacional. É a imaxe de Movistar + e LaLigatv nos palcos dos principais estadios de fútbol españois e internacionais. Cubriu tres Mundiais de fútbol, unha Eurocopa e varias Champions; entre os seus traballos está a dirección de varios documentais de M+ como ‘Vivir valELA pena’, ‘Pedro Delgado, 30 años de amarillo’ o ‘Valverde, un año de arcoíris’.
Leticia García Chas é licenciada en Xornalismo e Comunicación Audiovisual. Dende hai nove anos traballa no departamento de deportes da Cadena Cope e compaxina a súa profesión coa docencia no grao de Publicidade e Relacións Públicas en CESUGA.
Lis Franco foi durante anos correspondente na Coruña do diario deportivo ‘Marca’, ademais de colaborar nas seccións de Deportes de ¡La Voz de Galicia’ e de ‘El Ideal Gallego’. Tamén foi xefa de Deportes en Telecoruña e Localia, e directora da produtora Meiga Audiovisual. Así mesmo, é todo un referente do deporte galego, xa que foi campioa de España de fútbol e internacional coa selección española absoluta.
Lucía Dávila é unha das caras máis novas do xornalismo deportivo coruñés actual. Creadora de contidos en redes sociais, acumula máis de doce mil seguidores en este campo. A súa labor profesional desempéñaa no diario ‘DXT Campeón’.
Todas estas profesionais contribuirán a unha reflexión profunda sobre a realidade do xornalismo deportivo desde dentro, empregando unha perspectiva de xénero e analizando a súa evolución a través das súas propias experiencias.




