A Asociación Galega de Xornalistas Deportivos (AGAXORDE) vén de formalizar un convenio de colaboración coa UEMC Business School, unha institución de formación superior especializada en programas universitarios e executivos cun forte enfoque na empregabilidade.
O acordo establece condicións económicas especiais en programas de formación da entidade académica, que inclúen graos, másteres e programas de formación permanente. Estas vantaxes aplicaranse ás persoas asociadas de AGAXORDE que acrediten a súa condición, así como aos seus familiares.
Ademais da oferta formativa con prezos reducidos, o convenio contempla o acceso gratuíto ao servizo de bolsa de emprego da UEMC Business School para aquelas persoas que cursen programas na entidade. Tamén se abre a posibilidade de desenvolver formacións específicas ou talleres adaptados ás necesidades do colectivo.
O convenio permite acceder a descontos de ata o 40% en graos e másteres oficiais e de arredor dun 30% en programas de formación permanente e cursos especializados. A oferta abrangue áreas como comunicación, marketing dixital, recursos humanos, finanzas, dereito, educación ou tecnoloxía, entre outras disciplinas vinculadas ao ámbito profesional actual.
Con este convenio, AGAXORDE reforza a súa aposta por ampliar as oportunidades de formación e inserción laboral das persoas asociadas a través de novas colaboracións co ámbito académico.




