A pasada fin de semana a Federación Galega de Boxeo conmemorou o seu centenario cunha gala que reuniu púxiles, adestradores, médicos, dirixentes, xornalistas e representantes institucionais. Un acto que serviu para recoñecer a quen, dun xeito ou doutro, sostiveron este deporte en Galicia ao longo dun século.
O encontro, conducido por Manolo Planas, excampión mundial de kick boxing e máximo responsable desde hai anos do boxeo en Galicia, tivo como momento central a entrega de medallas ao mérito deportivo. Algunhas delas foron concedidas a título póstumo, en homenaxe a figuras xa desaparecidas que deixaron a súa pegada no desenvolvemento deste deporte na nosa comunidade.
Os recoñecementos repartíronse entre políticos, adestradores, boxeadores e xornalistas. Neste último apartado destacaron os catro galardoados pertencentes a AGAXORDE: Alexandre Centeno (presidente da asociación), Armando Álvarez, Alberto Torres e Mario Durán.
A gala contou coa presenza de convidados de primeiro nivel. Entre eles, Alfredo Evangelista, exboxeador uruguaio nacionalizado español que en 1977 se lle aguantou a Muhammad Ali os quince asaltos nun combate mundialista. Evangelista mostrouse moi participativo durante o cóctel posterior, evocando pasaxes da súa carreira e fotografándose cos asistentes.
No seu discurso, Manolo Planas agradeceu o papel da prensa na visibilización do boxeo, un deporte que —lembrou— nalgúns momentos chegou a estar mesmo censurado. Tamén subliñou o bo presente que vive actualmente esta disciplina en Galicia, con máis de seis mil licenzas federativas e un horizonte de crecemento sostido.
A celebración do centenario serviu, en definitiva, para render homenaxe ao pasado e reafirmar o futuro dun deporte con profundas raíces na nosa terra.




