O impacto da intelixencia artificial no xornalismo será o tema central da conferencia en liña “Ética, IA e Xornalismo: Como recuperar a confianza no xornalismo?”, organizada por Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) e a Journalism Trust Initiative (JTI). O evento terá lugar o 6 de marzo ás 18:00 horas será de balde e contará coa participación de expertos do sector.
O encontro analizará como a IA pode empregarse de maneira responsable no ámbito xornalístico, incluíndo a área deportiva, evitando que contribúa á desinformación e garantindo a protección dos dereitos de autor. Un dos puntos centrais será o Proxecto Spinoza, unha iniciativa desenvolvida por RSF en colaboración con medios franceses, que busca crear unha IA xerativa transparente, deseñada para apoiar o traballo dos xornalistas sen substituílos. Esta ferramenta aposta pola trazabilidade das fontes e o respecto pola propiedade intelectual, facilitando o acceso a información verificada.
Ademais, abordarase a importancia de confirmar a fiabilidade dos medios mediante a Journalism Trust Initiative (JTI), un estándar internacional promovido por RSF que certifica a transparencia e as boas prácticas informativas dos medios de comunicación. Ana López, representante da JTI en España, explicará como funciona este sistema de certificación e o impacto que pode ter na loita contra a desinfomación. O evento contará tamén coa testemuña de elDiario.es, o primeiro medio en España en obter esta certificación.
A conferencia está dirixida a xornalistas, académicos, profesionais dos medios e calquera persoa interesada no impacto da IA na información dixital. A inscrición xa está aberta e pode realizarse a través deste enlace.




