O presidente de LaLiga, Javier Tebas, participou esta tarde nas Xornadas Nacionais de Xornalismo e Deporte – Vigo 2026, que ata mañá celébranse na capital olívica, organizadas pola Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXORDE). Tebas sinalou na súa intervención que “este é o fútbol que nós queremos”, en relación ao esforzo que está a facer o Concello e o club por impulsar e modernizar a entidade celeste. Previamente, o alcalde, Abel Caballero, tomou a palabra para dar por inauguradas as xornadas.

Caballero deu a benvida, agradeceu o esforzo aos organizadores e aproveitou para presumir das obras ás que se está sometendo o estadio, de titularidade municipal. “Non me cabe ningunha dúbida de que finalmente Balaídos vai ser unha das sedes do Mundial 2023, pero o máis importante é que teremos un estadio que se encherá sempre”, sinalou. O Concello de Vigo colabora coa organización das xornadas, xunto co Celta de Vigo e Desarrolla.

Xa nun debate que respondeu á expectación xerada, Tebas arremeteu contra a piratería ou sentenciou que “a Superliga xa se estrelou de tanta velocidade que colleu”, reiterando as súas críticas aos impulsores do proxecto da Superliga. “O Madrid é o club máis rebelde”, engadiu. Interpelado acerca dos horarios das xornadas, Tebas recorreu a un dato demoledor: “Grazas a estes horarios pasamos de ingresar 200 millóns a 800 en 12 anos”.

Na mesma mesa, moderada polo presidente da Asociación Española da Prensa Deportiva, Tito Irazusta, a presidenta do Celta, Marián Mouriño, indicou que o Celta se converteu nunha referencia de club que aposta pola canteira, coa novidade da presenza do Fortuna na segunda categoría do fútbol español.

Previamente, rendeuse homenaxe ao olimpismo vigués nun emotivo acto que reuniu a preto de 30 atletas de todos os tempos que representaron a Vigo ao longo de todos os Xogos da Era Moderna. Deulles a benvida e as grazas o director técnico do Comité Olímpico Español, Ricardo Leiva Román, quen fixo un exhaustivo repaso dos logros e participacións da representación galega nos Xogos Olímpicos.

A última hora celebrouse a mesa “As mulleres no xornalismo deportivo”. Moderada por Mila Alonso, directiva de AGAXORDE, con Ana Guantes, pioneira da prensa deportiva en Vigo; Mercedes Moralejo, fotógrafa de La Voz, e Patricia Martínez, xornalista da TVG. O papel das mulleres dentro da información deportiva e os retos dde as novas formas de comunicación desembocaron nun debate animado e moi enriquecedor sobre un camiño no que queda moito por percorrer.